Besteiro chama a concentrar o voto no PSdeG, “a única garantía de cambio seguro”
Besteiro chama a concentrar o voto no PSdeG, “a única garantía de cambio seguro”
O candidato socialista á Presidencia da Xunta critica o envío de SMS aos funcionarios do Sergas e apuntilla: “a democracia galega non se vende e os votos das galegas e dos galegos non se compra”
Pedro Sánchez sinala que “a caída de Feijóo e de Rueda é coma o cambio: imparable”
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, chamou hoxe a concentrar o voto no PSdeG, que é “a única garantía de cambio seguro” fronte aos “dous aliados da dereita: a abstención e a división do voto progresista”. Así o dixo no mitin de peche de campaña diante de 1.500 persoas en Santiago de Compostela, no que chamou á mobilización xunto ao presidente do goberno, Pedro Sánchez.
Besteiro advertiu que “só hai dous camiños: o camiño da mentira que conduce ao estancamento e a resignación ou o cambio seguro e efectivo que en Galicia está garantido polo PSdeG”. Pediu o voto “de resultados, práctico, efectivo, útil” para o cambio fronte aos camiños “do inmobilismo” e o das “viaxes a ningunha parte que teñen máis de desexos que de certidume”.
Emprazou a “saír o 18F a gañar” e permitir un “proxecto ilusionante” para artellar unha Galicia “mellor, máis positiva, máis aberta, ambiciosa e orgullosa” que defende un plan de choque para a sanidade, a Dependencia, o ensino con libros gratuítos, ou 10.000 vivendas públicas. Reclamou “máis ambición, máis e mellor financiación para Galicia, máis revolución dixital, transición ecolóxica, máis galego e máis industria”.
Gómez Besteiro presentou ao PSdeG como “o partido feminista, e orgullosos de que sexa así”, cun proxecto para incrementar o financiamento para a igualdade e para rematar coa fenda de xénero. Anunciou que o próximo domingo “deixaremos atrás a casa dos líos que representa o PP”, que “comezou a campaña pedíndolle a Vox que non se presentara e remata Vox pedíndolle votos aos do PP”.
Mentiras e SMS
Acusou ao PP de mentir “coma se non houbera un mañá” coa amnistía como coa xestión dos pélets, nas que aplicou “o mesmo sistema: mentir, mentir e mentir”, demostrando que está “desnortado, desfondado, ausente e agora desesperado”. Criticou así que enviara SMS aos funcionarios do Sergas horas antes da xornada de votación anunciando subidas de soldo, e dixo: “a democracia non se compra e o voto dos galegos non está en venta”.
Besteiro Criticou a visita da presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso, que foi a Vigo -“hai que ser temerario”, dixo- logo de boicotear o AVE Vigo – Oporto – Lisboa e despois de loubar ao presidente arxentino Milei, cando ameazaba con botar á flota galega das augas da Arxentina.
O candidato socialista agradeceu a xestión e o apoio de Pedro Sánchez, “o presidente máis galego da democracia”, antes de sinalar que “demostraches e Moncloa pensa en galego”, e anunciou unha “axenda galega para o futuro todos xuntos”, dende o goberno central e os socialistas galegos.
Pedro Sánchez
O presidente do goberno, Pedro Sánchez, logo de lembrar o aniversario do accidente do Villa de Pitanxo recolleu o guante e sinalou que “o mellor remedio contra a mentira é votar socialista para que Besteiro sexa o próximo presidente da Xunta” porque, remachou, “a caída de Feijóo e de Rueda é como o cambio en Galicia: imparable”. Chamou a concentrar o voto en Gómez Besteiro porque “somos o cambio e sabemos gobernar o cambio”.
Pediu o apoio desa “Galicia progresista que se mobiliza cada vez que percibe a oportunidade de avanzar e ve ameazado o sistema política”, e reclamou o apoio dos galegos e galegas que votaron socialista nas eleccións xerais e municipais do ano pasado. Subliñou que “a mellor noticia é que despois das eleccións do domingo teñamos dous presidentes progresistas de dous gobernos progresistas en Galicia e España, con Besteiro e comigo”.
Antes do presidente do goberno interveu o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que criticou que Rueda, como Feijóo e Rajoy “naceron galegos pero actúan como madrileños”, no PSOE “temos a un presidente madrileño que exerce como galego”. Anunciou que “hoxe remontamos” e pediulle aos galegos e galegas que “collan o luns de vacacións para iniciar a campaña de limpeza na Xunta”.
A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, agradeceu o traballo da militancia e dos alcaldes, representados por Abel Caballero ou Inés Rey, e reivindicou aos socialistas como “o partido das mulleres”, encabezado por catro mulleres nas catro provincias, Patricia Iglesias -A Coruña-, Lara Méndez -Lugo-, Carmen R. Dacosta -Ourense- e Elena Espinosa -Pontevedra-.
Elas, como a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, “son a alma e raíz da terra” e, dixo, “saben que o que importa é construír futuro”, e citou o verso de Rosalía de Castro “arriba rapaciñas do lugar”, para subliñar “arriba, mulleres, fagamos a Besteiro presidente”.
Relacionadas
Besteiro reafirma o seu "compromiso inquebrantable co país" e coa "política útil traballando por unha Galicia mellor"
Besteiro reafirma o seu "compromiso inquebrantable co país" e coa "política útil traballando por unha Galicia mellor"
Besteiro comprométese a rematar coa Galicia de dúas velocidades e aposta por un país coas mesmas oportunidades en todo o territorio
Besteiro comprométese a rematar coa Galicia de dúas velocidades e aposta por un país coas mesmas oportunidades en todo o territorio
Besteiro reafírmase no seu proxecto de “máis emprego, máis dereitos e máis ambición de país” despois de “16.000 km” percorridos na campaña
Fai balance de 15 días cunha “campaña positiva, pensando no futuro e no cambio ilusionante e seguro” en Galicia da man do PSdeG