Besteiro comprométese a rematar coa Galicia de dúas velocidades e aposta por un país coas mesmas oportunidades en todo o territorio
Besteiro comprométese a rematar coa Galicia de dúas velocidades e aposta por un país coas mesmas oportunidades en todo o territorio
O candidato socialista á presidencia da Xunta garante máis investimento, máis servizos e máis emprego para frear o declive da Galicia interior
Remarca o seu proxecto de loita contra o reto demográfico centrado na “reindustrialización con máis empregos e mellores salarios” e na dotación de “servizos públicos próximos”
Chama á mobilización o próximo domingo e a concentrar o voto no PSdeG “como a única garantía para traer investimentos, proxectos e ideas para o noso país”
Reúnese coa plataforma Galicia Baleira para consensuar medidas a favor da cohesión territorial
Lugo, 16 de febreiro de 2024. O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asinou neste final de campaña un compromiso firme superar a partir do día 18 “a Galicia de dúas velocidades que nos deixa o PP”. E para iso destacou que “os socialistas contamos co programa máis ambicioso de cantos se presentan en materia de cohesión territorial, porque queremos un país coa mesmas oportunidades en todo o territorio”.
Besteiro visitou hoxe o complexo de glamping “Cabanas da Chousa” en Lugo, un proxecto que puxo como exemplo das oportunidades económicas que ofrecen o turismo sostible e o patrimonio natural á Galicia interior. Destacou que se trata dunha “aposta emprendedora que representa que a innovación ligada ao territorio e aos seus recursos pode xerar emprego de calidade na Galicia despoboada, atraer á xente moza e fixar poboación no rural”.
Na visita estivo acompañado de representantes da plataforma Galicia Baleira, con quen consensuou diferentes medidas a favor do equilibrio territorial e o reto demográfico. Esta plataforma punteira na nosa comunidade está formada por 400 asociacións de toda Galicia e constitúe o colectivo número 100 dentro da organización “España Vaciada”, sendo o único grupo galego presente. No encontro, o candidato socialista comprometeuse a aportar máis investimento, máis servizos e máis emprego para “rematar coa Galicia de primeira e de segunda que herdamos do PP”.
O candidato socialista tamén apuntou ao necesario “impulso para recuperar a Galciia interior e poñer a todo o país a funcionar á mesma velocidade”, da man dunha aposta “pola reindustrialización tamén na provincia de Lugo” e no interior do país. Entende que o reto demográfico só se pode afrontar con “reindustrialización, máis empregos e maiores salarios” e con “servizos públicos próximos, a menos de 30 minutos”, potenciando a oferta pública en sanidade, residencias, colexios e vivenda. Entende que “a loita contra o reto demográfico debe ser transversal a toda a política da Xunta” e reiterou que o seu compromiso é con toda Galicia, tamén coa interior”.
Besteiro subliñou que a aposta por frear o despoboamento de Galicia inducido polas nefastas políticas de quince anos de Rueda e Feijoóo, que provocaron a perda de 100.000 habitantes, debe pasar por mellorar os servizos públicos e garantir a calidade de vida, “co fin de que un veciño ou veciña de calquera aldea teña as mesmas oportunidades que quen vive nunha cidade”.
Asegurou que o abandono da sanidade, do transporte ou da educación por parte do Partido Popular “acelerou o baleirado do interior do noso país”, polo que se comprometeu a reverter as situación mantendo abertos os centros educativos, reabrindo os centros de saúde pechados por Rueda e aumentando as prazas en residencias “para que non haxa dous anos de espera como sucede actualmente” .
Tamén destacou a aposta por achegar a Administración ás pequenas vilas para que poidan realizarse a maior parte dos trámites sen necesidade de desprazarse e avogou polo mantemento das oficinas bancarias con atención personalizada aos clientes.
O candidato socialista lembrou a importancia das comunicacións como ferramenta de desenvolvemento económico e comprometeuse a xestionar co goberno central a axilización da extensión da cobertura de internet de alta velocidade ao 100% do territorio galego.
En materia de transporte público o próximo goberno socialista recuperará as frecuencias de bus eliminadas polo PP e redefinirá a estratexia de transporte público por estrada para conectar os diferentes núcleos, facéndoo máis atractivo para a xente nova ao tempo que se facilita o desprazamento das persoas maiores ata lugares de referencia como o centros de saúde.
O candidato socialista chamou á mobilización o próximo domingo para apoiar a un “cambio con seguridade e na dirección axeitada, que poña fin á Galicia de dúas marchas” lembrando que “temos un magnífico equipo de xente preparada, solvente e con experiencia, así como “capacidade de interlocución e influencia para traer a Galicia investimentos, obras, proxectos e ideas para o noso país” .
Relacionadas
Besteiro reafirma o seu "compromiso inquebrantable co país" e coa "política útil traballando por unha Galicia mellor"
Besteiro reafirma o seu "compromiso inquebrantable co país" e coa "política útil traballando por unha Galicia mellor"
Besteiro chama a concentrar o voto no PSdeG, “a única garantía de cambio seguro”
Besteiro chama a concentrar o voto no PSdeG, “a única garantía de cambio seguro”
Besteiro reafírmase no seu proxecto de “máis emprego, máis dereitos e máis ambición de país” despois de “16.000 km” percorridos na campaña
Fai balance de 15 días cunha “campaña positiva, pensando no futuro e no cambio ilusionante e seguro” en Galicia da man do PSdeG