Besteiro: “Temos un plan para solucionar a maior crise da sanidade galega nos últimos 20 anos e daremos cita na Primaria en 48 horas”
Besteiro: “Temos un plan para solucionar a maior crise da sanidade galega nos últimos 20 anos e daremos cita na Primaria en 48 horas”
“Non pode haber 200.000 persoas agardando pola primeira consulta co especialista. Usaremos todos os recursos públicos para reducir as listas de espera” afirmou
“A saturación das Urxencias e os colapsos nos hospitais débese ao deterioro da Primaria, agravada nos últimos dez anos polos recortes e a mala xestión do PP”, e dixo que estará na manifestación de SOS Sanidade Galega este domingo
Besteiro considera que para recuperar a calidade sanitaria é imprescindible mellorar as condicións laborais que sufre hoxe o persoal sanitario
O candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse hoxe nun hotel compostelán con representantes de distintos colectivos sanitarios que coincidiron en sinalar a precariedade, eventualidade, malas condicións laborais, exceso de carga de traballo e falla de persoal sanitario como o problema común de todos eles.
Logo de escoitalos, Besteiro manifestou que “estamos ante a maior crise da sanidade pública dos últimos 20 anos: con 200.000 persoas agradando unha primeira consulta hospitalaria, nenos sen pediatras, falla de especialistas en Saúde Mental, Centros de Saúde pechados ou funcionando de cando en vez, falta de profesionais e contratacións en precario e eventuais… A situación é insostible. Estamos a falar da saúde dos galegos e das galegas”.
Para o candidato dos socialistas, os sucesivos recortes orzamentarios do PP son os causantes desta deriva, que se ven agravou especialmente nos dez últimos anos. “A realidade é que a Sanidade tira porque temos grandes profesionais, comprometidos e vocacionais, que fan un traballo excelente malia a mala xestión de Rueda e os seus dirixentes” afirmou.
Besteiro expuxo as liñas de actuación fundamentais que porá en marcha á súa chegada á Xunta, e que pasan por un importante incremento económico que garanta a atención en Primaria en 48 horas e unha sanidade pública de calidade, que ofreza as mesmas garantías aos galegos e galegas con independencia de que vivan nas grandes cidades o no rural, e garanta un traballo digno e con incentivos aos seus profesionais. Xa que, segundo dixo, “é imposible unha atención de calidade cando as condicións de traballo do conxunto de profesionais que dependen do sistema sanitario acredita unha situación laboral inestable e de precariedade. Só no colectivo de Enfermaría a eventualidade supera o 35%”, apuntou.
Para os socialistas a “Atención Primaria ten que ser o eixo principal do sistema sanitario para que a cidadanía sexa atendida nun máximo de 48 horas polo seu médico de familia”. Para iso, reabrirá centros de saúde pechados e establecerá unha “estratexia diferente coa contratación de máis profesionais e a cobertura de máis especialidades, de xeito que nos propios Centros de Saúde se resolva a atención completa ao doente que acode a eles”, sen necesidade de desvialos a hospitais se a doenza non reviste gravidade.
Esta nova xestión suporá un verdadeiro revulsivo ás situacións que hoxe se viven en Urxencias e ao colapso dos hospitais e resolverán a atención á cidadanía. “Non pode ser que actualmente haxa máis de 200.000 galegos e galegas en lista de espera para a primeira consulta cun especialista”, dixo.
Nesta estratexia e para reducir as listas de espera hospitalaria, Besteiro amosouse decidido a “empregar todos os recursos públicos que temos, incluso abrindo os hospitais polas tardes, ata lograr acadar tempos razoables para consultas e operacións, contratando máis persoal e compensando ao actual”. Pero, insistiu, “hai que ir normalizando progresivamente a calidade e reducir drasticamente os tempos de espera. Un hospital non pode estar pechado de 15.00 a 08.00 cando hai milleiros de doentes esperando para ser atendidos”.
“Estas listas enormes que mantén o PP só poden explicarse porque lles convén o desvío de doentes a hospitais privados, cando todos sabemos que a Pública é a Sanidade que máis confianza lle ofrece á cidadanía e ten dereito a ser atendido nela”, afirmou o candidato socialista.
Besteiro afirmou que participará na manifestación de SOS Sanidade Pública Galega o vindeiro domingo, 4 de febreiro, “porque hai razóns sobradas que xustifican a súa convocatoria. Contan co apoio total dos socialistas de Galicia”.
Para concluír, Besteiro recordou que “se algo aprendemos na pandemia foi que temos un sistema sanitario público excelente e uns profesionais magníficos, que fixeron un traballo nunca suficientemente recoñecido”. Para o candidato do PSdeG “é necesario mellorar as condicións salariais do persoal sanitario, pero tamén as condicións de traballo, as súas posibilidades formativas e facilitar o desenvolvemento da súa carreira laboral”.
Relacionadas
Besteiro reafirma o seu "compromiso inquebrantable co país" e coa "política útil traballando por unha Galicia mellor"
Besteiro reafirma o seu "compromiso inquebrantable co país" e coa "política útil traballando por unha Galicia mellor"
Besteiro chama a concentrar o voto no PSdeG, “a única garantía de cambio seguro”
Besteiro chama a concentrar o voto no PSdeG, “a única garantía de cambio seguro”
Besteiro comprométese a rematar coa Galicia de dúas velocidades e aposta por un país coas mesmas oportunidades en todo o territorio
Besteiro comprométese a rematar coa Galicia de dúas velocidades e aposta por un país coas mesmas oportunidades en todo o territorio